Sunday 12 de May de 2024

O Concello de Lousame incrementará nun 40% as horas do servizo de axuda no fogar a persoas dependentes


 

O Pleno do Concello de Lousame aprobou por unanimidade o expediente de contratación para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes. O importe de licitación será de 517.582,88 euros para dous anos. Tal como explicou a alcaldesa, Teresa Villaverde, unha das súas principais novidades é que chegará a unhas 30.000 horas anuais de servizo, o que supón un 40% máis sobre as 21.400 que se contemplaron na anterior licitación.

Villaverde fixo fincapé tamén en que os novos pregos van valorar aínda máis a calidade do servizo, que suporá o 60% da puntuación total, á vez que o peso dos criterios económicos baixa ata o 40% da valoración. Na contratación previa esta proporción era do 51% para as condicións do servizo e do 49% para o seu custo económico.

Outros cambios introducidos na documentación para licitar o servizo supoñen adaptalo aos custos actuais do persoal. Deste xeito, increméntase en dous euros o custo por hora, ao ter en conta o convenio colectivo do sector e o aumento do IPC desde que venceu. O documento está pendente de ser renovado na correspondente negociación entre as empresas e a representación do persoal neste ámbito.

Bonificación no IBI

Por outra parte, tamén por unanimidade, a sesión aprobou unha bonificación do 95% do Imposto de Bens Inmobles en 2020 a dez explotacións do sector primario. Acolléndose á normativa legal, declarouse que a actividade que se desenvolve nestes inmobles ten un especial interese e utilidade no municipio, debido ás súas circunstancias socioeconómicas e á relevancia para o emprego local. O Concello de Lousame outorga por terceiro ano consecutivo esta bonificación, da que na primeira vez se beneficiaran catro explotacións.

Modificacións orzamentarias

Por outra parte, o Pleno autorizou dúas modificacións dos Orzamentos municipais de 2019, unha incluída na orde do día e outra introducida por vía de urxencia. En conxunto suman uns 20.000 euros que se mobilizan desde partidas con excedentes a outras con necesidade de recursos. Corresponden maioritariamente a facturas de consumo enerxético que tamén foron recoñecidas nesta sesión para seren pagadas en canto sexan efectivas as modificacións orzamentarias.

Tamén en relación coas finanzas municipais, a alcaldesa deu conta ao pleno de que o Período Medio de Pagamento no terceiro trimestre de 2019 foi de 8,11 días, polo que o Concello de Lousame continúa cumprindo coas marxes establecidas pola lexislación.

Mocións contra a violencia de xénero

Os concelleiros e concelleiras debateron tamén dúas mocións relativas ao 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A proposta presentada polo PP foi aprobada por unanimidade. O texto destaca que a violencia de xénero constitúe unha grave violación dos Dereitos Humanos e propón accións políticas e cambios lexislativos e normativos nos niveis estatal, autonómico e local para atallar fenómenos como a trata de seres humanos con fins de explotación sexual e para evitar a publicidade de carácter sexual.

A moción presentada polo grupo municipal do PSdeG-PSOE decaeu ante a abstención do grupo do goberno. O executivo de Lousame disinte de adherirse á campaña ‘En Negro’ posto que xa utiliza o material das campañas oficiais a nivel autonómico. A rexedora explicou que á marxe dunha ou doutra opción o relevante é que todos os grupos políticos teñan unidade de acción nesta materia.

Teresa Villaverde, que lembrou que Lousame foi o primeiro Concello da contorna en constituír a Mesa Local Contra a Violencia de Xénero, fixo repaso das numerosas iniciativas do Concello na materia e incidiu na importancia da educación: “é fundamental aínda que tarda en dar froitos, ou traballamos nese sentido cos máis novos e concienciamos unha xeración completa ou non será posible un cambio”, manifestou.